“El Premio” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

Eu, por exemplo, de non ter estado este verán na casa do concello de Estocolmo, non tería fantaseado coa estampa de min mesmo, proxectado no futuro, pisando eses mesmos chans de mármore, pero vestido de gala para recoller un premio Nobel, tanto me ten o da Paz que o de Física. Algún dirá que é unha tolemia pola miña parte, pero aí estivo Paul Newman facendo de Nobel de Literatura e rebentando unha conspiración bolchevique e ninguén se queixou.  

Se a imaxinación de cadaquén é libre, así o son tamén os argumentos e os castings do cine, que moi de cando en vez deparan rarezas como “El Premio”, un filme do ano 1963 no que Paul Newman interpreta ao escritor mellor parecido que endexamais tivese recibido os parabéns da Academia Sueca se descontamos o ben que lucía Albert Camus nas fotografías con gabardina e cigarro. Xa non é que imaxinemos ao mito dos ollos azuis no rol que adoitan ocupar anciáns como Cela ou Tranströmer, senón que tamén temos que velo loitar pola vida dun científico premiado ao que queren liquidar uns malvados comunistas.

Se chego a saber desta longametraxe durante a miña visita á capital de Suecia, tivérame saído da visita guiada para xogar a James Bond no salón dourado do consistorio. “El Premio” pásase ás dez e cuarto en La Primera.