“Enemigos Íntimos” (Telecinco, 22:15)

Programa: 
Televisión

“Enemigos Íntimos” xunta a Julián Muñoz, alias Cachuli, e a Mayte Zaldívar, ex exposa e, tamén como vella consorte, antiga cacique do sultanato Marbellí que o seu home gobernou paseando a Isabel Pantoja da man como quen leva o cetro de gobernante. O pelazo da Pantoja engaiolou ao bigote aznaresco do antigo alcalde e ao matrimonio rexente se lle rompeu o amor de tanto usalo. Logo sacaron os millóns malaios en bolsas do lixo, pisaron os tribunais, os calabozos e, por fin, os platós de televisión onde, á maneira do Equipo A, sobreviven como mercenarios, soldados de fortuna, sacándose os ollos. Non hai combate con mellor cartel no telelixo actual. Podemos gozar como animais na porqueira a partir das dez e cuarto da noite na pantalla amiga.