“Entrevista con José Luis Rodríguez Zapatero” (TVE, 21.30 h.)

Programa: 
Televisión

É o presidente “galego no sentido máis pexorativo”, así que hai certo pavor en descubrirmos onde está o peor de nós, como se manifestará e, sobre todo, que é. E no momento en que ZP diga algo que nos resulte impropio, un calafrío cruzará o noso lombo e pensaremos que aí estamos todos nós, retratados na nosa miseria e maldade, todos “aldeanos, cantonais e provinciais”, como tamén nos retratou Arcadi Espada. Tanta atención teremos que poñer en recoñecernos os galegos na delgada figura do presidente Zapatero que dubido que teñamos ocasión de facerlle moito caso ás súas explicacións e receitas para saírmos do crack económico.

Esperemos que este “Aló Presidente” non remate con ZP cantando temas do folklore patrio, como acontece con formatos similares como os que protagoniza o venezolano Chávez. Sería o único que nos podería arrepiar máis que ver a nosa mefistofélica natureza asomar no despacho da Moncloa, invocada pola costumista afección ao tópico da deputada Díez.