“Entrevista a la carta: Ana García Obregón” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión
Cada ano por estas datas, a máis famosa bióloga española desfila en trikini ou similar pola beira da praia, pousando para un batallón de fotógrafos, ningún dos cales amosou nunca o valor necesario para dicir que xa abonda, que chegamos ao límite, que non hai máis costelas que extirpar para que o corpo que supostamente seduciu a David Beckham poida seguir resistindo ao Photoshop. Mais semella que é a propia actriz quen este ano desbotou repetir o ritual. Se só é primavera cando o di El Corte Inglés e agora resulta que non hai quen declare inaugurado o verán, podemos imaxinar por que anda o tempo tan revolto. Xa que logo, a Obregón, como Raíña Sol nosa que é, débenos unha explicación. Se cadra por iso a entrevistan en La 1. 
Hai tempo que a Anita só a chaman Ana. Suponse que é o tratamento debido, xa non pola idade (venerable), senón polo respecto. Ao seu moi particular modo, en tarefas de autora total, reivindícase como parte fundamental do fenómeno de moda da series de televisión: “The Wire”, “Sopranos”, “Seinfield”, “Frasier”, “Mad Men”, “Juego de Tronos”, “Ana y los siete” e para de contar. Así que bióloga, encarnación da tempada estival, creadora televisiva, actriz, modelo, famosa amante de famosos e nai. E aínda con todo un pregúntase cal é o criterio que pensa seguir Julia Otero en “Entrevista a la carta” cando o prime-time da televisión pública, a partir das dez e cuarto desta noite se lle reserva en exclusiva á Obregón.