“Escuela de vírgenes” (Cuatro, 00.30 h.)

Programa: 
Televisión

Cuatro estrea o documental “Escuela de vírgenes” que segue a vida cotiá dun home que, segundo as cifras, pertence ao 4 por cento da poboación que non mantivo relacións sexuais antes dos 25 anos. Segundo o avance do programa, James quere aliviarse para, e cómpre citar textualmente, “sentirse un home e ser un máis”. A solución aos seus complexos está en Amsterdam, e non en locais de luces vermellas e interesantes escaparates e nin sequera nos que reciben cunha nube de doce aroma. Na cidade dos Países Baixos hai unha escola de mozos sexualmente inexpertos na que garanten que no prazo de catro meses James subirá a súa autoestima social e sexual.

O mellor da experiencia é que o curso especializado garante o aprobado e ofrece a oportunidade de superalo, se non o consigues na primeira avaliación, mediante unha reválida na que as terapeutas sexuais da academia préstanse a facer desaparecer a virxinidade. A falta de saber se o centro ten convenio co programa Erasmus de intercambio estudantil, Cuatro emite “Escuela de vírgenes” ás doce e media desta noite.