“Eurocopa: Alemaña-Grecia” (Cuatro, 20:45 h.)

Programa: 
Televisión
Os que simpatizamos, aínda que sexa por estética, coa rebelión helena fronte ao ditado económico xermano, xa levamos a labazada da derrota de Syriza nos pasados comicios. Agora temos que aturar tamén a sanción a Karagounis, a estrela e organizador da selección de fútbol, que lle impedirá liderar aos seus fronte a un dos equipos máis potentes do torneo. E porén, poida que haxa máis tensión nas bancadas que no propio céspede. A chanceler Angela Merkel, sentará -onde senón?- no palco reservado aos VIP. Agás que lle coloquen unha barreira de plexiglás, ata ela chegarán os apupos, asubíos e mencións a todas as árbores xenealóxicas do estado federado de Hamburgo, proferidos polas gorxas ardentes da afección grega, posiblemente a máis entregada ao deporte en todo o continente, a mesma que con profunda ironía escorrentaba aos equipos rivais no Pavillón da Paz e da Amizade guindándolles unha chuvia de moedas. 
Así que volvemos ao comezo do debate. Se cremos no poder social e político do deporte, unha vitoria dos menosprezados fronte aos favoritos desatará unha inxección de autoestima polas rúas de Atenas. Non só iso. Para darlle nos fociños á troika, abriríase a posibilidade dunhas semifinais competidas polas catro ovellas negras do torneo económico: Grecia, Italia, Portugal e España. O rescate futbolístico comeza a partir das nove menos cuarto da noite en Cuatro.