“Falámolo: Por que os galegos nos medicamos tanto?” (TVG, 1:10 h.)

Programa: 
Televisión

O espazo de debate “Falámolo” pregúntase “Por que os galegos nos medicamos tanto?”, o cal, ademais de facer unha efectiva labor de zapa para os intereses da Xunta a prol do catálogo priorizado que quere aforrar no gasto de farmacia, tamén formula a necesaria dúbida de se o noso é vicio ou enfermidade. Cabería pensar que o feito de ter unha poboación envellecida contribúe ao uso profuso de remedios, pero tamén podemos reflexionar que aínda non se valorou o suficiente o centro de saúde como novo foro social no que a xente pasa gusta de pasar o tempo de cháchara nas salas de espera e de paso que mata o tedio leva algunha lambonada en forma de sobres granulados ou pílulas para tres tomas cada oito horas. Drogas contra o sono tamén farán falla para ver “Falámolo” que a TVG volve confinar á madrugada. Emítese ás 1:10 horas.