“Final ACB: Barcelona-Real Madrid” (Teledeporte, 20:45 h.)

Programa: 
Televisión
O baloncesto español posúe a mellor competición do continente, algo que o fútbol non podería afirmar con rotundidade e, non obstante, ten un seguimento infinitamente menor. Non hai que desprezar o elemento cosmético nesa ecuación. Se homes e mulleres se incorporaron xa por igual aos estadios de fútbol importa moito o goce na contemplación dun espectáculo cuxos actores non desmerecerían nunha pasarela. Cómpre pasar dos 30 anos para lembrar que tamén lle deixaban xogar en Primeira División a señores calvos e con bigote como o Tato Abadía ou Stilike, a croios como Spasic e a físicos tan pouco privilexiados como os de Kiriakov ou o Flaco Gil. 
Hoxe, cando os futbolistas saltan ao campo, a sensación é semellante á dun desfile de moda de Cibeles. Pola contra, nos pavillóns de basket todo resulta máis desastrado. Os peiteados non son á moda, abundan as alopecias precoces, hai moito xigante zoupón, xógase aínda cos pés no parqué, os uniformes son feos e sóbralles tanta publicidade como a unha moto de carreiras. A Liga ACB precisa un asesor de imaxe e unha política de comunicación agresiva. Para comezar, está moi ben que Televisión Española decidise retransmitir os partidos da final entre o Barcelona e o Real Madrid por La 1 e en horario de máxima audiencia. Vaino facer agás no caso do encontro inaugural da serie decisiva que se xoga ás nove menos cuarto da noite emitido por Teledeporte.