“Final Copa del Rey: FC Barcelona – Athletic Bilbao” (La 1, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Alén das chamadas á orde e os delirios sadomasoquistas con Esperanza Aguirre hai outras cousas das que falar arredor do partido que pecha a tempada e que enfronta ao Barcelona de Guardiola e ao Athletic de Bielsa, que é tanto como dicir que é un encontro como para vestirse de domingo e bendicir a mesa porque estamos de festa. Xa falamos neste espazo de que a derrota da gran epopea do fútbol recente era un transo necesario, na mellor tradición romántica, para liberar a Guardiola da súa traballosa e irremediablemente efémera tarefa. Ademais dese destino tráxico pero fermoso, tamén celebramos todo o entusiasmo xuvenil da rapazada vasca comandada nunha misión de audaces por un tolo sabio arxentino. Tanto se preocupan as forzas vivas polos asubíos e os apupos que esquecen que estamos aquí para os aplausos. E na final que comeza ás dez desta noite retransmitida por La 1 prométense moitos.