“Gran Hermano” (Telecinco, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Chegaron a esta etapa final do máis lonxevo entre os concursos de telerrealidade a parella formada por Laura e Marcelo que, aínda que tiveron o refuxio do sexo para aturar estes meses de convivencia, representaron todos cantos malos argumentos se lle poden pedir a unha comedia barata e tan próximos estiveron a pedirse en matrimonio como a sacarse os ollos nun arrebato irracional supoñemos que provocado polo fastío. A súa relación ten o aliciente de que a rapaza deixou na súa vida pre-Guadalix a un mozo gardándolle ausencias, e agora sairá do brazo doutro diferente. Canda eles, o terceiro finalista en discordia, recuperado tras unha expulsión temperá é o galego Yago, que xa ten experiencia televisiva como terceira cabeza de hidra que aparecía no plano curto cada vez que as cámaras da prensa rosa enfocaban os peitos da súa ex parella Yola Berrocal. A eles tres agárdalles a gloria esta noite: efémera, iso si, porque Telecinco ten pensado aproveitar o tirón estreando de contado unha nova edición de “El Reencuentro”, a versión do concurso que reúne a vellos concursantes. Antes cómpre sacrificar “Gran Hermano 12”, cerimonia que a Milá oficiará a partir das dez da noite.