“Hay una cosa que te quiero decir” (Telecinco, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión
Nós folleábamos agochados un “Playboy” no quiosco para captar unha mamila; faciamos bote para mercar o “Interviú”; cedíamos como se facía antes coas imaxes de santos de casa en casa o póster de Sabrina; baixabamos o volume do televisor para que non nos descubrisen vendo na outra sala un capítulo da “Serie Rosa”; e se había que deixar medrar o pouco bigote uns días para confundir ao do despacho de billetes do cine e ingresar na sesión para maiores de 18 anos, fregabamos touciño baixo o nariz. O que fose mester para fitar entre as pernas de Sharon Stone en “Instinto Básico”. 
Ela, que xa fora o mellor efecto especial cando loitaba contra Schwarzenegger en “Desafío Total”, traspasou todo o erotismo que un podía aturar nunha pantalla cando, pelo mollado, vestido curto elástico branco, sen bragas, se sometía ao interrogatorio da policía naquel delirante thriller sexual. Logo abonouse a outros papeis concibidos para a desinhibición, con aparicións estelares como no “Casino” de Scorsese. Hoxe é outra confirmación máis da teoría de que a carreira de actriz en Hollywood dura o mesmo que a louzanía. Con todo, a condición mítica non se xubila. Stone visita esta noite o show para bágoas de Telecinco “Hay una cosa que te quiero decir”. Supervivente dun aneurisma, compartirá a súa experiencia cunha fan afectada pola mesma doenza e daralle azos para superala. Para que o logre, cruzamos os dedos, ou as pernas, a partir das dez e media.