“La Estanquera de Vallecas” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Enma Penella como a responsable do despacho, e Maribel Verdú, como a súa sobriña Ánxela, reinventan a síndrome de Estocolmo cando Leandro e Tocho deciden asaltar o estanco e secuestrala. Como nas parábolas do cazador cazado, aquel roubo enléase máis da conta e ao cabo do tempo os ladróns pregúntanse se non son eles os raptados pola inaccesible estanqueira. O filme de Eloy de la Iglesia, ademais de presentarnos á mítica Verdú, foi un dos máis celebrados do seu tempo. A min acórdame tanto como aquel estanco na rúa da Estrela da miña cidade no que estaba chantado o búnker da alcumada Perexila, viúva do Perexil, todo un carácter que asexaba aos que por diante do seu pequeno refuxio pasabamos. Era trasnada común amagar con mercar unha lambonada e acabarlle pedindo unhas gomas de mascar de sabor perexil para que entrase en erupción, que pouco lle faltaba botar o quiosco metálico ao lombo para perseguirte. O eloxio dos estancos pode continuar revisitando “La Estanquera de Vallecas” que se emite ás dez da noite.