“La Inquisición: una tragedia española” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Ese mundo que se dirixía cara a modernidade do século XX fervía. Mentres, en Madrid o único que fervía, elevando aos ceos unha columna de fume negro, eran as fogueiras que o tribunal xusticeiro da Igrexa foi quen de manter prendidas durante case catro séculos, facendo churrasco con impíos, sodomitas e conspiradores inimigos da familia, da misa de 12, da fe e dos seus apóstolos. Centos de heterodoxos foron prestando ao longo dos anos a súa man aos inquisidores. Estes tomábana amablemente, logo a ataban con cadeas a unha polea e activaban o mecanismo do poldro torturador para collerlles o brazo, estirarllo e, xa postos, arrincarllo do tirón. Se a mortificación da carne pode levar ao gozo, como nos ten cantado Madonna durante os últimos 25 anos, conveñamos entón que a Inquisición foi o gran club de sadomaso e bondage que coroas e papados dende o século XV a (nin máis nin menos) que o XIX, mantiveron operativo para derramar cera, marcar con ferros, empalar e, por suposto, queimar a lume vivo. “La Inquisición: una tragedia española” é o acaido título do documental que se emite no espazo “El documental de La 2” a partir das dez da noite.