“La tentación vive arriba” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

O máis aproximado que habitou sobre o teito da miña vivenda foi a Papurisa, a muller decidida a levar á quebra a industria das zapatillas de andar por casa, algo que ela facía sempre dacabalo duns tacóns como os que tamén vestía o mito feminino de Hollywood. O que non imaxino é a súa saia negra estreita por debaixo dos xeonllos erguerse impulsada polo aire que emanaba dun respiradoiro situado na rúa. De ter asistido a esa escena, co refaixo ao aire, non habería xa oco na miña cabaza, como si o ten o resto da humanidade, para a estampa icónica de Marilyn lucindo perna mentres tenta domesticar o voo da saia branca.

“La tentación vive arriba” é un afiado retrato do home como miñaxoia, do Rodríguez como especie en extinción, algo así como o animal doméstico que soña coa liberdade até que a ten e entón non sabe sobrevivir sen os seus referentes cotiás. O veciño de Marilyn manda á muller e ao fillo de vacacións estivais mentres el fica traballando na cidade. Emprega o verán en facerlle as beiras á compañeira de edificio incorrendo en fracaso tras fracaso, como querendo facer ver que se algunha vez houbo un sexo feble, ese era o que vestía os pantalóns. Un clásico do cine americano, e tamén da vida, pódese ver a partir das dez da noite en La 2.