É grazas a esta implicación que se producen fenómenos como o fan-fiction, seguidores que invisten o tempo libre en novelar novas aventuras da súa serie favorita para fornecer á comunidade de adeptos con novas historias, porque chega un momento en que un episodio á semana non é dabondo. Desa mesma avidez do fan por espremer o contido da ficción que tanto lle presta xorden os spin-off, programas paralelos nos que se esmiúza o potencial dun personaxe en concreto da serie materna ou se fixa a atención noutros aspectos. A comunidade louredicta é xa de tal calibre que o produto se multiplica.
“Louredo responde” é un consultorio como os que antes se respondían no correo das revistas pero agora traspasado á televisión, unha mestura de ficción interactuando coa realidade das preguntas da audiencia que serve precisamente para concederlle máis tanxibilidade aos personaxes da vila beata que revelan aspectos persoais que atrancarían o normal desenvolvemento dos capítulos. É un premio para os fieis que sacia en parte a súa ansia de novos contidos e tamén un calmante para os que coma min, cada vez que cruzamos con Morris polas rúas dunha cidade real sentimos a necesidade de saudalo co puño en alto, chamándoo “camarada Delmiro”. Hai máis “Padre Casares” antes do capítulo de cada luns no complemento para fans que se pasa ás dez da noite na Televisión de Galicia.