“Luar” (TVG, 21.30 h.)

Programa: 
Televisión

Porque a oferta do “Luar” para esta noite, se non me engano debe ser algo así como o All-Star da NBA pero adaptado a espectáculo de sala de festas. Xosé Ramón Gayoso e Nieves Rodríguez introducirán en singular competición de ‘superventas’ a ídolos de pequenos e maiores. Este venres eu apostaría que están case que todos os que son e son todos os que están: para a rapazada, David Bisbal, Chenoa, Julio Iglesias Jr. e La Quinta Estación; no xusto medio, Luz Casal e Marta Sánchez; para os nostálxicos e lectores do “Diez Minutos”, Isabel Pantoja e Paloma San Basilio; e, ao gusto da vella garda, El Consorcio e o Dúo Dinámico. Agás Manolo Escobar, Ángela Carrasco e Camilo Sesto, están todas as estrelas habituais nesta demostración de forza de Gayoso antes das eleccións. Se o índice de audiencia rebenta unha semana antes de votar, veremos quen volve a insinuar a xubilación do “Luar”, que máis “Luar” que nunca emítese a partir das nove e media na Televisión de Galicia.