“Marco” (Antena 3, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Disque a cadea de televisión, disposta a estimular o noso lacrimal nestas datas sensibles, estrea a súa adaptación en formato miniserie de “Marco”, a historia do neno que, ao son dunha canción arrebatada, vaga polo mundo adiante, dos Apeninos aos Andes, na procura da súa nai. Ao seu carón, macaco fiel de nome inesquecible, o mono Amedio, vivindo mil aventuras. Pero non. Na versión en carne mortal do serial xaponés de debuxos animados que marcou a toda unha xeración na España de finais do 70, Antena 3 ponse en plan supremacista humano e substitúe ao animal por un irmán pequeno na odisea do neno actor Sergi Méndez na procura da súa nai interpretada por Ariadna Gil. A historia conta con outros nomes de prestixio como Mercedes Sampietro ou Ernesto Alterio, pero do moniño Amedio nin rastro. O novo “Marco”, sen carismática mascota, debuta ás dez da noite.