“Matalobos” (TVG, 21.30 h.)

Programa: 
Televisión

Nese pequeno catálogo de seres e estares da ficción televisiva autonómica, na que Portozás segue a ser o Macondo fundacional, viaxamos agora ata Sardiñeira. Pardo Bazán chamaralle Marineda, pero nos dous casos, estamos a falar de A Coruña e a súa contorna. Alí vive o clan dos “Matalobos”, cos seus coches de luxo, os seus chalés e os seus iates: as posesións que, a calquera rexoubeira que se diga tal, sempre animan a manifestar o clásico e popular “seguro que andan na drogha”. E non se enganarían as que contan os chismes, de non ser porque na familia hai unha ovella negra, que resulta ser máis branca que a da botella de Norit: o irmán rebelde fíxose garda civil, xefe da sección antidroga, e debaixo do tricornio rasca na cabeza para decidir se atende ás obrigas familiares ou ás laborais.

O conto dos irmáns enfrontados acaba como o rosario da aurora dende que Caín e Abel tiveron máis que palabras, pero os guionistas teñen querencia polo clasicismo e aí nos chega a enésima versión do conflito fraternal, entre pistolas, narcóticos e planeadoras. O “Padre Casares” despídese esta noite, pero tráenos da man, para que o acollamos de bo grao, a “Matalobos”, que debuta ás nove e media na TVG.