“Match Point” (TVG, 23.45 h.)

Programa: 
Televisión

Hai quen acusa a Allen de ser un tópico con lentes de tanto facer a mesma película con novos chistes, mais do mesmo modo se podería dicir que en realidade é un xénero en si mesmo. Moi de cando en cando permítese saír do rego e poucas veces o ten feito mellor que nesta cinta na que desbota moitos dos seus lugares comúns: a acción non sucede en Manhattan, senón en Londres; e non é un comedia, ou non de todo, senón máis ben un drama e mesmo un thriller.

Elevada dende a súa estrea ao cumio da filmografía de Woody Allen, o que é moito dicir sabendo que produce unha película ao ano, hai en “Match Point”, se cadra pola influencia británica, algo de obra de Shakespeare, cos personaxes funcionando como elementos dunha traxedia que vai encaixando con precisión mecánica mentres debuxa o retrato global dunha sociedade que podrece tralo ouropel. Desculpando a miña gravidade, o asunto resulta moi entretido e pode ser unha boa maneira de despedir o ano catódico antes de saturar cos inevitables refritos que paparemos mañá en Noitevella. “Match Point” pásase na Galega ás doce menos cuarto.