“Misión: Imposible 2” (Cuatro, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

O axente secreto Ethan Hunt, encarnado por Tom Cruise, decide ver algo de mundo e, logo de escoitar a preceptiva guitarra flamenca que a calquera espectador non xordo lle revela que viaxou a España, o home aterra no medio dun gran festival folclórico. A Semana Santa andaluza e as Fallas valencianas conviven nun único espectáculo fusionado polas rúas ao que chegan a atender mozos ataviados con pano colorado como se fosen a correr os Sanfermíns. A cousa elévase ao paroxismo cando, entre traca e traca, o director nun herexe golpe de xenio decide mesturar churras, merinas e todo o que ten a man e queimar as figuras relixiosas: volta de parafuso que a máis dun iconoclasta lle fixo mollar a butaca de cine. Velaí ficaron retratadas para a audiencia planetaria de Hollywood as grandes festas españolas.

A luminaria tras todo isto non podía ser outra que John Woo, o director asiático que fixo da cámara lenta e a espectacularidade case cómica das batallas de pistolas a súa marca de fábrica. Tom Cruise, protagonista absoluto da cinta, contratou os seus servizos para remudar a saga “Misión: Imposible”, severa de máis cando o realizador era Brian de Palma. Abofé que o conseguiu Woo, quen nos ofrece un carrusel de imposibles rematado nunha alucinante xusta, como as de Ivanhoe, protagonizada polo bo e o malo do filme dacabalo de motos de gran cilindrada coas que se cruzan e baten no aire mentres baleiran cargadores de pistola. Xa súo adrenalina só de pensalo.

A reinvención da festa cañí e máis estouridos dos que a retina pode aturar, sucédense en “Misión: Imposible 2”, que Cuatro emite ás dez e cuarto da noite.