“Paddock GP” (La 2, 23.30 h.)

Programa: 
Televisión

O caso é que ao deporte dos bólidos de catro rodas lle chaman o gran circo, pero hai moito máis de carpa decadente no motociclismo, onde para maior fascinación do público aparecen nenos xogándose a vida. Se as motos lles chaman monturas, era cuestión de necesidade que os directores dos equipos acabasen contratado “jockeys” para elas. E se os que montan cabalos de carreiras teñen que ser miúdos e non pasar do metro cincuenta e dos 40 quilos, o mesmo acontece xa coas motos, onde atoparon unha solución para dar con pilotos lixeiros: facer correr a adolescentes. Así as cousas, os 125 cc cúbicos son algo así como un capítulo de “Física o Química” sobre rodas, con rapaces case prepúberes facendo apuradas de freos a 200 por hora. Tan infantilizado está o mundo da motocicleta que hasta o campión máis excelso entre os adultos, Valentino Rossi, pasa por ser o maior lampantín entre as estrelas mundiais do deporte. Xogos de nenos a alta velocidade hai en “Paddock GP”, que se emite ás 23.30 horas en La 2.