“Quadrophenia” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Que elegancia, que trencas e gravatas, que zapatos de cordón, como fungaban as vespas e que chulas as guitarras Rickenbacker e as dianas coas cores do exército inglés. Imposible non querer ser desa tribo. A min, cousa da oportunidade xeracional, correspondeume o grunge, a máis porcallona das modas adolescentes, que tamén é mala sorte. Cando puiden ter personalidade abonda e embutirme en camisas estreitas, xa tiña demasiado bandullo asomando baixo a camiseta de Soundgarden e houbo que resignarse só coa escoita e a contemplación -e non coa implicación- no movemento mod. Ao máis que chego agora é a tocar a guitarra na soidade da miña casa facendo o xiro de muíño co brazo, aquel característico de Pete Thownsend cando arrincaba co “Baba O'Riley” de The Who. A iso e a ver “Quadrophenia”, o documento que testemuña toda unha forma de vida, e que La 2 de Televisión Española emite ás dez da noite.