“Sacalalengua” (TVE, 00 h.)

Programa: 
Televisión

Unha vila na que as nenas chámanse Jerusalén, unha guía telefónica na que en troques dos nomes dos veciños rexístranse os alcumes, a pegada que o xaponés ten en Andalucía e unha localidade que presume dos nomes más raros do territorio son as propostas da primeira emisión. “Sacalalengua” promete rastrexar tamén a pegada que deixou a herdanza xudía nos nomes españois e tamén rexistrará a cerimonia de cambio de nome dun converso ao Islam.

A idea resulta como pouco, curiosa. Agardo ansioso o día que dediquen un programa enteiro ás curiosidades galegas relacionadas coas palabras, porque postos a noves de vilas estrañas, con Avión e Melón imos ben servidos. Veremos se se atreven a facer chiste cos acentos diferentes do castelán, cousa que sempre foi motivo de moita sorna. Lembremos que Beatriz Carvajal fixo carreira no “Un, dos, tres” remudando o acento galego. Nunca se lle viron arrestos de facer o mesmo chiste co catalán ou o vasco.

Agora que o fenómeno da alfabetización sobre o que se asenta a comunicación humana civilizada está en risco pola redución ao absurdo da gramática e a ortografía que provocan as novas tecnoloxías, a de “Sacalalengua” resulta unha das mellores ideas da nova grella da canle estatal. Estréase á medianoite en Televisión Española.