“Supernanny / Cine: Un niño grande” (Cuatro, 21:30 h. / La 1, 23:35 h.)

Programa: 
Televisión

“Supernanny”, o equivalente do adestrador de cans para bestas moito máis feras e con capacidade da fala, volve exercer a súa terapéutica labor anticonceptiva amosando a calquera incauto que queira atender como un rapaz de tres anos pode invocar os sete círculos do inferno na sala de estar dunha casa. A institutriz de Cuatro amosa dende as nove e media como sentar aos nenos á mesa sen necesidade dun rifle de dardos tranquilizantes. E logo, Hugh Grant, volve interpretar por enésima vez de maneira infalible o seu rol de gentleman zoupón para amosar que se pode exercer o sentimento paternal sen necesidade de procrear. Un paradoxo perfectamente explicado en “Un niño grande”, o filme que adapta a novela de Nick Hornby e que La 1 emite dende as once e media. Unha longametraxe que contén, como pouco, unha réplica contra as teses de John Donne. Un home, se quere pode ser unha illa. De feito, pode ser a puta Ibiza.