“Telediario 2: Entrevista a Mariano Rajoy” (La 1, 21:30 h.)

Programa: 
Televisión

Este compatriota noso que limita o seu feito galego ao veraneo en Sanxenxo, un sinal de madrileñismo como outro calquera, ten a facultade de esvaecer. Non, por suposto, como Fraga no Parlamento cando escorregaba atril abaixo. El non ten ese problema porque o atril písao pouco. Foxe dos focos e prefire mandar recado. Por iso, como acontece cos animais exóticos (volvemos ao lemming), cada vez que o albiscamos resulta un fito. E oito meses tiveron que pasar para que Rajoy asomase pola televisión pública, esa que chamamos de todos. Agardou, por suposto, a que ademais da “de todos” fose tamén a súa, agora que realizou os inevitables cambios editoriais. O presidente sentará no asento do Telediario, en horario de máxima audiencia, como fixo onte Hollande en Francia. Alí atenderá a preguntas dos xornalistas.

Coñecida é a rivalidade histórica de galos e españois. Se ao inquilino do Elíseo deulle onte por anunciar un maiúsculo recorte, agardemos que Mariano non aproveite o escenario para gañarlle esta batalla erixíndose en austero campión. Se volve pasar a tesoira poida que, esta vez si, o país desapareza e mañá, ao espertarmos, xa non sexa o dinosauro de Monterroso, senón nós a especie cuxa supervivencia resulta extraordinaria. O presidente di “Aló?” a partir das nove e media da noite no Telediario 2 de Televisión Española.