“Terminator 2” (TVE, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Poucos filmes téñenme causado tan fonda impresión na adolescencia como a segunda das entregas do gobernador de California metido a robot asasino chegado dende o futuro. Cando, aínda púbere, o cine é puro entretemento, a inxección de adrenalina e efectos especiais nunca vistos que contaban a historia de John Connor provocáronme un pasmo sen igual. O curioso é que, malia todos os avances das técnicas dixitais, case 20 anos despois, a cousa aguántase máis que digna no que respecta á aparencia estética da cinta.

Outra cousa habería que dicir da historia, observada co debido cinismo. Antes que unha fábula de sangue, metal e computadoras, “Terminator 2” é un canto á paternidade no que á implacable máquina de matar Chuache lle amolece o corazón de metal por un cativo ao que debe adoptar temporalmente. Mais por enriba de todas as cousas, unha oda aos anos 90 é o filme de James Cameron que emite Televisión Española ás 10 da noite.