“Tu cara me suena” (Antena 3, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión

Aínda a risco de provocar un cataclismo global; de que a fosa das Marianas se pregue sobre o Everest; de que o Atlántico seque e o Gobi se asolague; de que Messi fiche polo Madrid e Cristiano polo Barcelona; aínda así, o programa ameaza con rebentarnos a cabeza anunciando isto: María del Monte vaise travestir de Georgie Dann. Agora eu deixo un segundos en branco e vostedes, se non desmaiaron, collan aire.

Mentres a Real Academia corrixe a súa definición de “grotesco”, podían aproveitar os responsables do resto de canles para gardar os seus programas para outro día e deixar en pantalla esta noite a carta de axuste. Porque diante de tamaño fenómeno escápanseme os motivos que alguén podería ter para non admirar un acontecemento que, xa non é só que resulte tan excepcional como a visita cada 72 anos do cometa Halley, senón que pode redefinir os nosos límites como especie e inaugurar unha nova vía para a civilización: unha na que sintamos que non existen as barreiras do sentido común, na que desapareza o pudor e vivamos sen que nada nos perturbe; ou, todo o contrario, unha que tome un camiño no que a humanidade non precise fuxir da realidade a costa de ver a María del Monte con perruca cantando gabanzas aos chourizos da barbacoa ou preguntándolle á súa “mami” polas razóns do furor sexual repentino dun mozo mulato. Ademais, Santiago Segura, Arturo Valls, Daniel Diges, un dos Pecos, Anna Simón, Ángeles Muñoz e Roko disfrazaranse de estrelas da canción para aspirar ao segundo posto no programa que presenta Manel Fuentes e que, a partir das dez e media da noite en Antena 3, ameaza con matar para sempre o humor.