“Versión Española: Carmen Maura” (La 2, 21.50 h.)

Programa: 
Televisión

A Maura que eu vin non disimulaba con coquetería de actriz uns anos bastante evidentes, o cal a facía aparentar tan natural como logo resultaba no trato con canto curioso se lle achegaba a mentir sobre o boa que era a película. Eu, que adoito controlar ben a miña mitomanía, nin me acheguei, malia que a teño en gran estima. Recordo como todo o mundo o impacto do seu “¡Riégueme!” e o mangueirazo posterior en “La Ley del Deseo”, así como o resto das súas intervencións almodovarianas na época máis desfasada de Peeeedro. Mais a súa carreira foi moito máis extensa e velaí quedan outros papeis para a lembranza como o de “¡Ay, Carmela!”.

O programa que presenta Cayetana Guillén Cuervo réndelle tributo co gallo da concesión da Medalla de Ouro da Academia do Cine que lle entregarán nuns días. Emitirase o filme “Tata Mía”, do ano 1986, no que interpreta a unha monxa que deixa o convento para acabar cuns demos persoais e contará coa axuda da súa Tata, Imperio Argentina. Anda por aí tamén Alfredo Landa máis quente que o pico dun ferro. A proxección acompañarase dunha charla coa propia Maura, unha desas mulleres que son xa carne e celuloide, protagonista absoluta de “Versión Española” dende as dez menos dez da noite en La 2.