Anxo Angueira: “A de Cantares é unha Rosalía de alborada”

Programa: 
Músicas e Letras

Esta nova visita a un texto fundamental anova a ollada convencional, xa dende a imaxe que ilustra a capa do libro, unha escolla diferente á do icónico retrato de Rosalía de Castro. Nela, explica Angueira, loce “máis nova, era a que probablemente comezaba a compor Cantares”, e tras ela asoman nubes rosáceas e violáceas “que falan da aurora, da alborada”. No interior, a obra fixa as versións dos poemas logo de cotexar as edicións de 1863 e 1872 e acode tamén ás achegas de Carvalho Calero e Bouza Brey. Anxo Angueira engade un “caudal de notas” que completan a comprensión da lectura ao detalle, mesmo con notas toponímicas que sinalan onde están Laíño e Lestrove.

Tantos anos despois, autora e obra permanecen e os versos de Cantares Gallegos poden ser recitados por xeracións enteiras de galegos e galegas. O motivo? Para o autor desta última edición débese a que “causou un impacto extraordinario no pobo galego: o seus versos son do pobo, falan da súa épica, das súas venturas e desventuras”. “Cando un poeta acerta nesa conexión co pobo, o pobo devólvello”, conclúe Angueira.