Chega a Barcelona Atlántica a Radiofusión

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

O Barcelona Atlántica é un programa de radio feito en galego dende a diáspora galega en Catalunya. É un dos programas da factoría de ERGaC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya). Aínda así, non é un programa para emigrantes. Non soan os grandes éxitos dos emigrantes dos anos 50 ou 60, nin a morriña pretende estar presente nas ondas hertzianas. O BCN Atlántica pretende ser unha ponte entre a faciana atlántica e as costas mediterráneas; entre aqueles homes e mulleres que viñeron buscar o seu futuro a Catalunya e os galegos e galegas que ficaron no país. Unha ponte pola que pasan e pasarán moitas voces diferentes. E aí radica a súa fermosura.

O Barcelona Atlántica non é un programa de información, tampouco é un magacín ao uso. Ten actualidade galega; mais tamén dispón de seccións de humor, de deportes ou de música galega.  Todo dende unha óptica independente e comprometida co país. O BCN Atlántica tan só é un exemplo máis da cultura galega que se constrúe alén das fronteiras de Galicia.

Por qué radio en galego dende Catalunya? Primeiro, para dar a coñecer o noso país polo mundo. Segundo, pola necesidade de integrarnos no país de acollida do mellor xeito: dende a realidade dos seus barrios e localidades. E terceiro, pola necesidade de conectar, cada semana, con esa Galicia nai que levamos no corazón.

Para máis información, o noso blogue e o noso correo electrónico:

http://bcnatlantica.blogspot.com

bcnatlantica@gmail.com