A CIG conmemora o 8 de marzo baixo o lema “As mulleres coa folga xeral. Xuntas podemos!”

Programa: 
Onda Rural

Especialmente duras foron as súas críticas ás políticas do PP en Galicia, ao que Corral acusou do desmantelamento dos servizos sociais públicos, pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas de I+B; o servizos de Noitebús; o programa ENTENDO; a privatización das galescolas; os recortes orzamentarios que levarán á desaparición de Preescolar na Casa ou dos Plans Concertados “que pode supor a desaparición das prestacións básicas de servizos sociais nos concellos ou o copago, que, alertou, “están tentando instalar tanto na sanidade como nos servizos sociais”.

Fronte a isto, denunciou o financiamento con cartos públicos de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista e “entidades abertamente confesionais e católicas que, desde logo, non traballan a a prol da igualdade de oportunidades e do empoderamento das mulleres”, dixo, “no marco dunha lei – a de familia- que cousificou á muller que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”.

Dereito ao aborto

Especial fincapé fixo no boicot “sen precedentes” á lei de interrupción do embarazo ou á dispensación da pílula postcoital de balde nas farmacias “con informacións sesgadas e falseadas, mentres deixaban a responsabilidade de asesorar ás mulleres a asociacións ultracatólicas”.

Desmentiu ademais as recentes declaracións da deputada do PP, Angeles Díaz, quen vinculou a pílula postcoital ou o aborto a un suposto incremento das enfermidades de transmisión sexual. “Podemos afirmar que en Galiza non se rexistrou ningún aumento nas infeccións sexuais, senón que a súa incidencia vaise reducindo de xeito progresivo”.

Medidas do PP no Estado

Do mesmo xeito, denunciou as políticas que vén aplicando o PP desde que chegou ao goberno do Estado, polo efecto que teñen sobre a s mulleres, desde os recortes no investimento público até o anuncio de reforma da lei do aborto “que impide exercermos o dereito ao control dos nosos corpos, volvendo á lei de 1985”, pasando polas ameazas de reforma ou mesmo derrogación de leis como a do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a lei integral contra a violencia de xénero ou a propia lei de igualdade.

Xunto a estas medidas denunciou a especialmente lesiva reforma que se vén de aprobar, a reforma laboral, que facilita o despedimento, e a redución dos salarios, precariza e desregula as condicións de traballo, fomenta o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos e permite que sexan “as empresas e non as mulleres as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limita que esta redución se realice só na xornada diaria”.

Actos arredor do 8 de marzo

Ante todas estas agresións, Margarida Corral fixo un chamamento a non ficar caladas ante este novo ataque e a participar dos actos que están convocados pola CIG, nomeadamente na folga xeral, pero tamén na xornada de loita que terá lugar o propio 8 de marzo, ás 12:00 horas, nas sete cidades, con accións de repulsa fronte institucións, empresas e mutuas que vulneran os dereitos das mulleres. Do mesmo xeito, fixo un chamamento á participación de todas as galegas á mobilización nacional convocada para o domingo 11 de marzo, baixo o lema “Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos”, convocada por distintas organizacións feministas, entre elas a CIG, con saída ás 12:00 h desde a Estación de Tren en Compostela.

Alén disto, lembrou que, no marco dun acto que terá lugar o vindeiro martes, día 6 de marzo, entregaranse os Premios do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.