Corcoesto: pouco ouro e moito arsénico

Programa: 
Zona Verde

Debido a presenza de zonas de arsenopirita semimasiva na área mineira de Corcoesto as concentracións de arsénico en rochas chegan a superar en 50.000 veces a media da corteza terrestre e nos solos superficiais poden superar ata 400 veces os niveis de solos non contaminados.

Pola súa banda, nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humán, e na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados.

Segundo palabras textuais extraidas do artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica internacional dita contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”.

Se esas son as consecuencias actuais da antiga mineiría a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation: 774 ha de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.