ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Cun elenco de luxo composto únicamente por cinco actores, entre os que cabería destacar a brillante actuación dun camaleónico Antonio Durán, “Morris”, a compañía Eme2 recrea sobre o escenario unha escola galega da época franquista, onde cobran vida personaxes do máis variopinto, dende mestres que deben reprimir o seu galego natural até autoritarios inspectores que tratan de impor as doutrinas do réxime, todo elo en clave de humor e cun uso da ironía que consegue sacar un sorriso das situacións máis absurdas.
O xogo de personaxes levado a cabo polos actores resulta un factor tremendamente determinante nesta obra, xa que a través das súas interpretacións conseguen converterse en figuras distintas en cada escena, o que proporciona a “O Florido Pénsil” unha enorme riqueza de caracteres e rexistros, que enchen o escenario e deixan ao público con ganas de máis.
Ademais, o feito de tratar un tema tan delicado dun xeito tan sutil, a través de ironías, xogos de palabras, e lembranzas que resultan próximas para toda persoa que se achegue a vela obra, obtén como resultado que a crítica que Andrés Sopeña busca co seu texto sexa recibida dun xeito maxistral, como un simple xogo de nenos que detrás desa inocencia e tenrura agocha as miserias que a nosa sociedade viviu non hai tanto tempo.
Unha obra “O florido pénsil”, que tal e como leva enchendo teatros de toda Galicia dende a súa estrea conseguiu encher o Pazo da Cultura de Narón, onde un agradecido público demostrou cos seus inesgotables aplausos que nos atopamos ante unha obra que verdadeiramente merece a pena.