Dar Ful Ful: electropop intimista, elegante e sinxelo

Programa: 
Músicas e Letras

Dous anos e varias maquetas despois, en 2001, o selo Jabalina saca á rúa o seu primeiro disco El artista adolescente, sete pílulas de pop electrónico que abraian a crítica e público. O álbum toma o título da obra de James Joyce e sitúase nos primeiros postos das listas de mellores do ano. Ademais, escoitarase ao vivo nos escenarios de festivais como Benicasim ou o Primavera Sound.

“La bella Age” é unha das composición que mellor resumen a esencia Dar Ful Ful, romanticismo tinguido de sons electrónicos e tamén acústicos, que fai que os comparen co referente do electropop estatal nese momento, os donostiarras Family. “Un dos grupos máis prometedores do panorama musical”, “unha pequena exquisitez musical, un prato de gourmet, un dos mellores debuts nacionais publicados en 2001”, estas son algunha loas a Dar Ful Ful e o seu debut.

Outro das composicións máis sobresaíntes de El artista adolescente é “La noche te descubrirá”, que inclúe os arranxos orquestrais de Arturo Vaquero e as trompetas de Aitor Martínez. Ademais das claras influencias de Family, Marco Maril e Xabi Font beben dos Pet shop boys, The Magnetic Fields, Carlos Berlanga ou La Buena Vida. De feito a vocalista da banda donostiarra, Irantzu Valencia, pon a súa voz no tema “En Soledad”, o sexto corte do disco.

En 2003 escoitamos a última gravación de Dar Ful Ful, o tema inédito “El libro de Raquel”, que se inclúe no Volumen I Teoría y Práctica Melódica - 10 Años de Espíritu Jabalina.

Catro anos despois do seu encontro unha das grandes esperanzas do indie dilúese, Xabi Font e Marco Maril deciden separar as súas carreiras musicais. O catalán embarcase no proxecto Piano e Marco fai o propio con Apenino, co que segue a sementar emocionantes pílulas de pop electrónico.