Els Joglars presentan o último espectáculo en A Coruña

Programa: 
Patio de butacas

A prestixiosa compañía Els Joglars, en coprodución co Centro Nacional de Teatro Clásico, presenta esta versión do texto de Cervantes que supón a primeira incursión na dirección de Ramón Fontseré, tras a marcha da compañía de Albert Boadella. Unha montaxe da que a crítica dixo ‘cuenta con una dirección perfecta’, ‘encarnan a la perfección esta forma de afrontar la vida y el teatro’, ‘es una reflexión vivaz y honda sobre la condición humana’.  As entradas están á venda. Agás o palco real, esgotado, aínda hai entradas.

A montaxe conta coa colaboración de Boadella na concepción da dramaturxia e é a terceira incursión que Els Joglars fan no universo de Cervantes, un autor co que a compañía se identifica xa que, en palabras de Ramón Fontseré, ‘arroja luz sobre las falsedades del mundo, y eso hace que conectemos con el’. A obra narra as andanzas de Cipión e Berganza, dous cans pechados nunha canceira municipal que durante 24 horas teñen o don da fala. Manolo, o garda de seguridade que custodia o recinto, será a súa particular testemuña e cómplice.

Un referente teatral

Creada en 1961 Els Joglars é todo un referente no panorama teatral nacional e destaca por compaxinar a investigación teatral coa popularidade. A compañía conta cun público fiel e consegue chegar a grandes audiencias con obras innovadoras tanto desde o punto de vista estilístico como de contidos. A crítica social e o vínculo coa realidade son parte da identidade da compañía.

Con El Coloquio de los perros formulan ao público unha reflexión sobre a liberdade a través da risa e da ironía. Valéndose do saber dos dous cans protagonistas a obra fala da condición e da miseria humana. Un caixón de sesenta centímetros de longo, un ciclorama e máscaras son os elementos que utiliza a compañía para retratar o universo de Cervantes e achegarnos a obra dun autor fundamental da literatura universal.