Era o tempo das Blood Filloas

Programa: 
Músicas e Letras

A finais do 93 Blood Filloas gravan e compoñen o seu primeiro tema, a sintonía do programa musical Gorevisión (TV Narón). Esta canción forma parte da súa primeira maqueta Blood Filloas, que editan no ano 94 e que tamén incluía os cortes “I´m calling you”, “Are you crazy”, “Asian girl”, “Harvey Captain Theme”, “She´s cool” ou “Targets!”.

O cambio de ano trae novidades na formación, Víctor substitúe a Óscar no baixo, e Nicolás Lage fai o propio relevando a Toni na batería. Ademais a maqueta Blood Filloas é incluída na lista do programa Disco Grande, de Radio 3.

A finais de 1994, despois de percorrer os escenarios da comarca de Ferrolterra, editan a súa segunda maqueta Science Fiction. En xaneiro do 95 a formación consolídase coa entrada de Anxo García -Pulpo- que substitúe a Nicolas Lage na batería. Ese mesmo ano chegan á final do concurso do Bar Nirvana de Madrid entre máis de 400 grupos, é o detonante para que o selo vigués Toxic Records lles dea a oportunidade de gravar o seu primeiro Ep Blandi- Blood, que inclúe tres bombas de garaxe acelerado e enérxico entre as que se atopa “My cake”.

A banda pouco a pouco comeza a consolidarse na escena galega e, como non, participan no principal trampolín da nosa música, o Xabarín Club, con “Superheroi”.

No ano 1996 lánzanse co se segundo Ep Blood Filloas Versus Frogger, un vinilo de sete polgadas compartido coa banda Frogger. Ese mesmo ano telonean aos norteamericanos White Flag en Ferrol e a The Posies en Vigo. Non obstante, a gran oportunidade destes amantes dos concursos musicais chégalles tras gañar o certame organizado polo bar vigués Planta Baixa coa gravación do seu primeiro longa duración Toys are us, editado por Subterfuge e que abren co enérxico “Stuck up”.

Blood Filloas comezan unha xira para presentar ao vivo Toys are us e fano teloneando aos australianos DM3 en directos por toda España e Francia. Tras dela volve percorrer o Estado, agora sós.

Son os últimos pasos dos ferroláns como Blood Filloas, que se despiden percorrendo o país na xira A Cantar con Xabarín. É a fin da banda, pero as vidas dos seus membros seguiron ligadas á musica. É o caso de Dani Alonso que agora podemos escoitar nunha versión máis pop que rock baixo o nome do O Neno Elliott.