As formas de ler nun club de lectura

Programa: 
Club de lectura

Mestras e pais, profesores e nais debaten sobre textos de distinta autoría e temática para dar exemplo e fomentar a lectura. O Club de Lectura de Centieiras iniciou as súas actividades de fomento da lectura entre a comunidade educativa neste segundo curso da súa andaina. Comezaron co libro de Maria Xosé Queizán “Son noxento”.
O Club pretende fomentar o goce de ler, debater e aprender dos libros conxuntamente.  Quere incrementar os hábitos lectores tanto de menores como de persoas adultas e incide especialmente "na necesidade de favorecer o contraste entre as propias conclusións e as alleas derivadas da lectura de textos de distinta autoría e temática" así como a "imprescindible atención e respecto por todas as achegas feitas polas persoas participantes". Busca así mesmo "desenvolver a crítica constructiva, potenciar o debate e estimular o coñecemento". Os hábitos de lectura ao igual que outras condutas son imitadas por parte das nenas e nenos, polo que o Club de Lectura de Centieiras persegue estreitar os lazos de convivencia e relación e potenciar a lectura entre o alumnado. Ao longo deste trimestre e co gallo da conmemoración do Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero está prevista a lectura da última publicación da escritora María Xosé Queizán titulada "Son noxento" que desenvolve temáticas relacionadas coa igualdade, o respecto e o rexeitamento da violencia en todas as súas manifestacións. O Club convida a todas as persoas que integran a comunidade educativa do CEIP Centieiras a participar nas súas sesións que teñen lugar na Biblioteca escolar con periodicidade quincenal e aseguran que "constitúe un novo alicerce para gozar dos libros, fomentar o amor pola lectura e intercambiar opinións e coñecementos".