Galicia invitada de honra no Salón do Cómic de Barcelona

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte en Pontevedra, María Xesús López Escudero, presentaron a programación da banda deseñada galega para este ano.

No 2009 comeza na cita máis importante da historieta en Europa, o Festival Internacional de Banda Deseñada de Angoulême (Francia), que se celebrará entre o 29 de xaneiro ao 1 de febreiro. Por segundo ano consecutivo, Galicia conta cun espazo propio no festival, onde os ilustradores amosarán as súas obras ante os seus colegas franceses, ante a prensa deste país e ante outras editoriais europeas asistentes.

Un dos actos centrais do programa do festival é a inauguración da mostra “Dez anos de BD galega”, un percorrido pola vida da banda deseñada en Galicia, e que se poderá visitar na oficina de turismo da vila. A responsable de Cultura, Ánxela Bugallo, valorou a importancia destes actos, que terán lugar na recepción ofrecida o día 30 de xaneiro ás 12.00h no Concello de Angoulême, onde ademais de presentarse a BD galega repartiranse un milleiro de folletos promocionais, mentres que outros mil quedarán na oficina de turismo da cidade xunto con 500 catálogos sobre a ilustración en Galicia. 

A representación galega estará composta por varios membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) como Javier Montes e David Prieto, e pola delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes en Pontevedra, María Xesús López Escudero. Despois da cidade francesa, o seguinte compromiso será o Salón do Cómic de Barcelona entre o 29 de maio e o 1 de xuño