Galiza Sempre reúne nunha obra panfletos e manifestos do feminismo galego

Programa: 
Músicas e Letras

Os documentos agrúpanse en diferentes apartados contemplándose, en primeiro lugar, o empeño de ruptura co rol tradicionalmente asignado ás mulleres para abordar despois outros ámbitos do esforzo emancipador do feminismo: a sexualidade, o traballo dentro e fóra da casa, a necesaria independencia das mulleres ou a súa actuación cara á esfera política. En palabras dos editores, procurouse “abranguer os principais temas de actuación e reivindicación feminista do período, cunha escolma de textos ilustrativos das análises realizadas polas organizacións en iniciativas preferentemente conxuntas, unitarias”.

Para os responsables de Galiza Sempre, “os 22 documentos reproducidos atesouran que os dereitos non caen do ceo e que a súa progresiva inclusión na legalidade requiriu do esforzo e mobilización de moitas persoas, a miúdo en condicións adversas”. Destacan asemade o feito de recuperar “un tipo de documentos difíciles de atopar ou reler pero de indubidable interese para reconstruír obxectivos e argumentacións das súas autoras e mesmo percibir aspectos substanciais das diversas circunstancias nas que se redactaron”.

A iniciativa, apoiada desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña, súmase a outras propostas de divulgación sobre o movemento feminista acometidas pola fundación nos últimos anos e vén complementar outras publicacións aparecidas en 2010 en torno á historia do feminismo en Galicia e que se recomendan nun apéndice bibliográfico.

22 documentos do feminismo galego está dispoñible nas librarías galegas e será presentado en diferentes vilas e cidades.