Kalandraka pisa forte en Brasil

Programa: 
Brasil

A creación desta nova empresa editorial afincada en São Paulo é posible grazas á alianza entre KALANDRAKA e a brasileira Callis, dirixida por Miriam Gabbai; unha colaboración que se viña forxando nos últimos anos a raíz da adquisición, por parte de Callis, dos dereitos para traducir e publicar diversos títulos do catálogo de KALANDRAKA. Algunha desas publicacións mesmo foi distinguida pola Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil, a sección brasileira da Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY, nas súas siglas en inglés).

KALANDRAKA BRASIL aspira a converterse nun referente de calidade editorial no mercado brasileiro. A diferenza da práctica totalidade dos álbums ilustrados, que se producen en edición rústica ou tapa branda, os títulos de KALANDRAKA distínguense pola encadernación en tapa dura ou cartoné, seguindo a liña de perdurabilidade e dignificación do libro infantil e xuvenil que caracteriza o selo de orixe galega.

Outro obxectivo é afondar no proceso de internacionalización de KALANDRAKA, que xa conta con selos propios en Portugal, Italia e México; este último -Libros para Soñar- participado tamén por Callis, e do que xurdiu a nova iniciativa empresarial que agora se estrea. Coa súa implantación en Brasil, KALANDRAKA pretende dar a coñecer nese país de economía emerxente o traballo de autores e ilustradores cuxa obra se atopa no seu catálogo. De igual maneira, tamén contribuirá a introducir no mercado occidental aos creadores brasileiros: tanto os que xa contan con publicacións en KALANDRAKA, como Flavio Morais, ilustrador de “Só un segundo”, e André Neves, ilustrador de “Orellas de bolboreta” e “Amelia quere un can”, como outros que se incorporen a curto prazo, caso da narradora Clara Haddad. Ademais, reforzará a imaxe de Galicia no ámbito lusófono, coa publicación en portugués de Brasil, das obras galardoadas co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, convocado anualmente polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e por KALANDRAKA.

Os títulos de KALANDRAKA BRASIL fixeron a súa presentación oficial no marco da oitava edición da Festa Literária Internacional de Paraty (FLIP), que se celebrou do 4 ao 8 de agosto nesa cidade situada no estado de Río de Janeiro. KALANDRAKA BRASIL tamén participou cun stand propio na 21ª Bienal Internacional do Livro de São Paulo, que remata este domingo 22 de agosto. Esta feira especializada, a segunda máis importante de América, conta coa presenza de 350 expositores de todo o mundo, máis de 900 selos editoriais, e prevé sumar máis de 700.000 visitantes.