Maryland volven con máis rabia en “Get cold feet”

Programa: 
Músicas e Letras

Get cold feet é o resultado das difíciles decisións persoais e laborais que os membros de Maryland tiveron que tomar nos últimos meses. De aí o título do disco, que non ten que ver con ter os pés fríos nin é unha invitación a descalzarnos na neve. A expresión inglesa pódese traducir por botarse atrás, deixarse vencer polo medo. Con ela, o quinteto fai referencia a “eses momentos nos que debemos tomar unha decisión e nos entran dúbidas, momentos que se dan tanto na vida persoal como na carreira dun grupo”.

O álbum inclúe 11 cortes nos que relatan historias vividas polo grupo. Unhas composicións nas que volveron contar na produción con Jaime García Soriano (Sr. Nadie), que achega coros nalgúns temas e que comparte créditos con Iago Lorenzo. Get cold feet foi gravado por Pancho Suárez de Lis nos estudios Planta Sónica de Vigo e masterizado por Alan Douches en West West Music (Nova York). Repiten así co núcleo do equipo de Surprise, o álbum co que debutaron hai dous anos.