Moondogs Blues Party abre camiños en “Thirty Roads”

Programa: 
Músicas e Letras

Co seu primeiro disco O cadelo lunático (2007), Moondogs Blues Party, xa cultivou no seu momento uns cantos recoñecementos musicais, como o premio Talentos 2007 de El País ou a final do Festival Azkena Rock Music 2007. No 2008 o IGAEM elixiu un dos seus temas para participar no MIDEM 2008 en Cannes. Ademais Moondogs Blues Party quedou semifinalista do International Songwriting Competition (ISC) americano entre máis de 15.000 participantes de todo o mundo, o ISC conta no xurado con artistas como Tom Waits ou John Mayall.

Javier Prado agarda que este novo traballo, Thirty Roads, teña a mesma boa acollida que o anterior. De momento, as críticas tras presentalo ao vivo este pasado sábado na Sala Le Club da Coruña son moi positivas. A vindeira oportunidade para gozar de Moondogs Blues Party ao vivo será o 23 de xullo no Café Cultural Roi Xordo de Allariz e o 20 de agosto na Sala Universal de Cedeira.

Thirty Roads preséntase co tema “The devil is on the roof”, que fala dos malos tratos. A banda xa gravou o seu videoclip coa axuda da directora galega Cristina Becerra Lorenzo e o seu equipo.