Na defensa do patrimonio escolar no Día Internacional dos Monumentos

Programa: 
Preescolar na casa

Declaracións de Anova no Día Internacional dos Monumentos e dos sitios.

"Sabemos que estamos orgullosos do noso, témolos como símbolo da nosa terra e incluso chegamos a mencionar algúns deles cando cantamos o himno galego. Pero isto non chega, debémolo de coidar entre todos. Isto non desculpa ao goberno, como responsábel directo, das súas obrigas para que se cumpra a lei e ofreza melloras na súa custodia, na conservación, no estudo e na súa divulgación.

Debemos reivindicalos como identidade propia e como desenvolvemento económico. Hoxe moitos deles están desaparecidos por diferentes causas, outros moitos en risco e sen protección. Debemos atopar o xeito de transmitilo aos nosos fillos, e non destruír o que durou miles de anos.

Dende o establecemento deste día a nivel internacional, cada ano elíxese un tema a tratar e a debater. Este ano tócalle á educación, materia delicada, e por desgraza de actualidade polos constantes ataques dende todas as frontes posíbeis. As mobilizacións son numerosas pedindo dereitos básicos, e hoxe atopámonos ás portas doutra folga máis na defensa do ensino público de calidade. A educación é un dos piares básicos do noso país. A nosa evolución e a da nosa cultura dependen da transmisión do coñecemento.

Nas últimas décadas do século XX, anos 80 e 90, e no comezo deste século, vivimos unha democratización da educación, unha igualdade de oportunidades, onde non existían aparentemente as fronteiras entre os ricos e os pobres, entre o mundo rural e o urbano. Pero nestes últimos anos, coa escusa da crise económica, estase negando un dereito que custou moitos anos de loita.

Queremos trasladar algunhas das reflexións propostas dende o ICOMOS relativas ao patrimonio arquitectónico de todos os centros relacionados coa educación dende o preescolar ata o nivel universitario e outros.

Ao fío disto, lembramos un feito da nosa historia, todo o contrario do que estamos a padecer: o conxunto de escolas chamadas de indianos. Foron promovidas polos nosos emigrantes ao outro lado do océano, tanto no século XIX como a comezos do XX, emigrantes que apostaron coa súa vontade e achegas económicas, por traeren a esta terra a creación do que foi a primeira rede escolar en Galicia. Eles sabían que a educación é un gran patrimonio, un medio rexenerador da transformación social.

Hoxe moitos destes inmobles, forman parte da paisaxe dos pobos, son recoñecidos e valorados pola súa principal misión e aínda ofrecen actividades veciñais de diversa temática e albergan espazos para o desenvolvemento da vida cultural e da educación nos concellos. Son un exemplo do respecto pola educación que o goberno debería seguir a mellorar".