Necesitamos promocionar o uso do galego, segundo Henrique Monteagudo

Programa: 
Músicas e Letras

Botando a vista atrás, e no capítulo dos logros do goberno bipartito PSOE-BNG na Xunta de Galicia (2005-2009), o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, destacou nos micrófonos de Radiofusión a transversalidade dos proxectos emprendidos, con especial mención ás Galescolas e o decreto do galego no ensino. Pola contra, criticou o “continuísmo” nas medidas da Secretaria de Política Lingüística. O director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia aproveitou tamén para lembrar unha vella reivindicación: a creación do Consorcio para a Planificación Lingüística, un ente que serviría para aproveitar sinerxias entre as diferentes administración e para sistematizar a promoción do uso do idioma.

Infamia

 “Unha infamia”. Así se resume no “Chamamento polo galego” a intención da Xunta, manifestada en febreiro deste ano, de recorrer no Supremo as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto do plurilingüismo. Un grupo de cidadáns e cidadás reaccionaron daquela contra a teimosía da Administración Feijóo en resistirse a acatar as decisións que declara ilegal o carozo da súa reforma educativa en materia lingüística. Todos eles subscriben o devandito documento, que naceu con máis de 150 adhesións de profesionais de todos os eidos e que superou en apenas 48 horas as 500. Un dos primeiros asinantes do Chamamento, o académico e profesor Henrique Monteagudo, afirmou en Radiofusión que “é un contrasentido que, tras manifestarse o máis importante tribunal do país, a Xunta leve o tema a Madrid”. “É unha burla á autonomía”, resolve. Esa rápida reacción semella que frustrou a intención inicial, e finalmente a Xunta de Galicia non presentou o recurso anunciado diante do Tribunal Supremo.