O sangue fai ruído

Programa: 
Patio de butacas

A obra presenta momentos de verdadeiro dramatismo, extorsións, chantaxe, agresividade e sufrimento, cos que critican as miserias existentes tralas falsas intencións e os intereses de quen quere estar sempre por riba dos demais. Non obstante, as conversas entre os personaxes de Sergio Zearreta e Xavier Pan, tremendamente axeitados e ben metidos nos seus papeis de Fernando e Pantaleón, logran liberar a tensión, quitar ferro ao asunto e irónicamente facer rir ao público ante a visión dun mundo que “debería pasar por unha diálese”.

Cunha escenografía marcada pola escuridade e as sombras, que ademais de transmitir esa sensación xeral de decadencia consegue trasladarnos aos distintos espazos nos que ten lugar a acción –grazas a uns cambios de decorado executados dun xeito rápido e limpo- , Arturo López dirixe a un moi ben escollido grupo de actores e actrices que, a través dos máis variopintos personaxes, reflexan e critican distintos aspectos da sociedade moderna.

     Unha obra, “Limpeza de sangue”, que se ben ten a vantaxe de ser xa de por si un texto cunha enorme riqueza –mérito dun dos autores teatrais galegos con maior proxección, Rubén Ruibal- non tería nada que ver se a súa adaptación sobre as táboas non fose como a levada a cabo por Espello Cóncavo, un grupo de Sada que aporta ao texto orixinal un abano de matices que a converten no que se puido ver hai algúns dias no teatro Jofre: Unha obra dramática pero cunha irónica comicidade, que logra emocionar ao seu público.