O voluntariado mobilízase para limpar as praias

Programa: 
Zona Verde

Centros de ensino, escolas de surf, asociacións culturais, concellos, ANPA... e outras moitas entidades que suman un total de 34 convocan limpezas dende A Mariña ata Nigrán. Grandes e pequenos participarán nestas limpezas para reivindicar e dar a ver un grave problema ambiental: os residuos mariños.

Seguindo as indicacións do protocolo para a limpeza de praias, os grupos realizarán limpezas respectuosas cos ecosistemas das praias, contando na maioría dos casos co apoio dos concellos. Ademais varios grupos colaborarán co proxecto Marnoba poñendo en práctica unha nova metodoloxía para a caracterización do plástico mariño.

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra. É necesario concienciarse da necesidade de reducir o consumo de plástico, por iso estas limpezas serven tamén como actividades de educación ambiental para a cidadanía.

Aínda estás a tempo de sumarte ás limpezas de praias, busca a limpeza máis cercana no mapa ou organiza  unha na túa praia.