Os balnearios galegos na rede

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

Tal como se destaca na web, “Galicia é o principal destino termal de España. A calidade das súas augas mineiromedicinais únese á garantía que supón para o consumidor a subxección a unha estrita normativa”. E ponse de manifesto que a diferenza entre un balneario, un centro de talasoterapia e un spa está no tipo de auga que emprega cada un. Así, os balnearios utilizan auga mineiromedicinal, os centros de talasoterapia a do mar e os spas auga da billa.

Os múltiples beneficios das augas mineiromedicinais para a saúde

O presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Rafael Luaña de la Viña, afirma que “na actualidade a oferta termal de Galicia constitúe, despois do Camiño de Santiago, o produto turístico con maior potencial da comunidade”. Non obstante, manifesta que “para que Galicia non perda o liderado do termalismo en España, cómpre incidir aínda máis na promoción dos nosos balnearios, tanto no mercado nacional como en mercados europeos do noso contorno".

Luaña salienta que “os balnearios son fontes de descanso e de lecer pero tamén cumpren unha importante función terapéutica grazas á acción salutífera das súas augas”. Explica que a base dos tratamentos está no uso das augas mineiromedicinais, constituídas por unha solución de elementos minerais que lles proporcionan unha serie de propiedades.

“En función do seu contido en minerais, cada tipo de auga exerce unha acción distinta sobre o organismo e, polo tanto, posúe unhas indicacións determinadas”   -apunta Luaña-. Deste xeito, poden estar indicadas para o tratamento de doenzas reumáticas, respiratorias, alérxicas, dermatolóxicas, para combater trastornos do aparato dixestivo e endocrino, enfermidades hepáticas, renais, problemas cardiovasculares, certas anemias e mesmo afeccións de tipo psiquiátrico.

Consellos para un correcto tratamento termal

Na web proporciónanse unha serie de consellos que deben terse en conta á hora de someterse a un tratamento con augas termais. Así, será o médico do balneario quen determine o tratamento máis apropiado para cada afección. As curas termais dos nenos recoméndanse en primavera ou rematada a época de praia. O aseo habitual debe facerse antes de comezar cada día a cura termal e cómpre non volver darse unha ducha ata pasadas dúas horas do tratamento, co fin de favorecer a absorción dos minerais.

A Asociación está integrada por 19 balnearios das catro provincias

A Asociación de Balnearios de Galicia constitúese en 1985 coa finalidade de representar e promocionar o sector termal galego. Un grupo de empresarios reúnese na illa da Toxa e daquel encontro xorde a Asociación, a segunda que se creaba en España.

Na actualidade a Asociación está integrada por un total de 19 balnearios. Na provincia da Coruña atópanse o balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz e as Termas Romanas de Lugo. Na provincia de Ourense están representados os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín). E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Hesperia Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.