Os colexios participan na xornada de atletismo divertido

Programa: 
A Bancada

Non se trata dunha competición -non se tomarán tempos nin marcas-, senón dun encontro para que a rapazada entre en contacto dun xeito divertido con deportes dos que, se cadra, oiu falar pero que nunca practicou.

Por iso se preparou un circuíto lúdico que recolle a práctica de salto lateral, de lanzamento de precisión -para nenos e nenas de 1º a 3º-, de lanzamento de peso -de 4º a 6º-, unha xincana de obstáculos, a posibilidade de facer lanzamentos de xavelina -de escuma, para que ninguén se manque-, de facer salto de lonxitude, de participar en carreiras de velocidade e de valos e mesmo en relevos 4x80.

As xornadas de “Atletismo divertido” escolar encherán o campo de céspede de forma simulánea para un maior dinamismo da actividade.

Para darlle cabida aos centros de ensino programáronse dous días. O xoves xuntaranse o colexio Jorge Juan, o CEIP Os Casais e o CEIP O Ramo. O venres tocaralles ao CEIP Centieiras e ao CPI da Xunqueira.

O Concello faise cargo do transporte do alumnado e do profesorado e, ademais, o persoal de Cultura e Deportes será quen se encargue de organizar o circuíto. A actividade “Atletismo divertido” escolar é unha iniciativa que busca descubrirlles aos nenos e nenas modalidades deportivas que ben poderían ser consideradas como minoritarias en comparanza co omnipresente fútbol. Ademais tamén se cumpre o obxectivo de fomentar a práctica deportiva na infancia como un hábito saudable tanto para o desenvolvemento do corpo como da mente.