Por un país de todos, a escola en catalán

Programa: 
Músicas e Letras

Representantes dos partidos políticos que defenden a inmersión (CiU, ERC, PSC, ICV-EUiA, CUP e SE) así como as distintas organizacións xuvenís fixeron acto de presenza na concentración de Barcelona contra a reforma Wert.

Durante a mobilización na capital catalá, puideron escoitarse berros favorabeis á independencia de Catalunya -a estelada foi a bandeira predominante na concentración-, especialmente ao comezo dos parlamentos. Tamén se despregou unha pancarta co lema da protesta. Entre os políticos presentes, fixeron acto de presenza o líder de ICV, Joan Herrera, os dirixentes de CDC, Oriol Pujol e Jordi Turull, o dirixente de UDC e deputado no Congreso, Josep Sánchez-Lliure, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, ou a deputada do PSC, Rocío Martínez-Sampere.

Nun acto breve, o sociolingüista ibicenco Isidor Marí e os cantantes Marina Rossell e Feliu Ventura leron o manifesto final. "A gravidade do momento é máxima", asegurou a cantante, que sentenciou que o modelo catalán é exitoso e está avalado pola comunidade internacional.

Antes, o escritor Rodolfo De Hoyo lembrou o éxito da inmersión en poboacións con maioría castellanoparlante como Santa Coloma de Gramenet e proclamou que a lei Wert non se vai aplicar porque ataca "o máis prezado que temos", frase que foi recibida con grandes aplausos. Os membros de SomEscola pediron ao Govern que non ceda ante os ataques á lingua e a nova reforma. Subliñaron que o anteproxecto de lei do ministro Wert "é inaceptable porque propón unha reforma centralizadora, retrógrada e inútil". O propio De Hoyo foi un dos membros da plataforma que entrou no Palau da Generalitat para entregar o manifesto á consellera de Educación.

Unha vez acabados os discursos, o breve acto concluíu co canto de Els Segadors. Durante a concentración, producíronse tamen berros contra os recortes en educación.

As marchas tiveron lugar noutras moitas localidades catalás -máis de 50-, como na praza da Font de Tarragona, na praza do Vin de Xirona ou na praza da Pau de Lleida. En Tarragona, preto dun milleiro de persoas concentráronse fronte ao concello. Ao acto asistiron o alcalde Josep Fèlix Ballesteros, concelleiros do equipo de goberno e da oposición, como a ecosocialista Arga Sentides, o delegado do Govern, Quim Nin, ou deputados socialistas como Xavier Sabaté e Joan Ruiz, así como personalidades do mundo cultural e sindical da cidade.

Semana reivindicativa
Con esta xornada de protesta comeza unha semana na que os partidos cataláns e o consello escolar están convocados polo Govern a unha xuntanza para defender a lei catalá de educación, e o Marc Unitari da Comunitat Educativa (MUCE) súmase á xornada reivindicativa o xoves en defensa da educación pública.

O mércores, os partidos políticos que apoiaron a LEC e o Consello Escolar están convocados a unha reunión coa Generalitat para apoiar este texto e amosar un rexeitamento unitario á reforma de Wert. O obxectivo da reunión é dar resposta "a ameaza" que supón para a escola en catalán o borrador da reforma da lei de educación española. Será un encontro inédito con Navarro, Junqueras, Herrera e Mas e o Consello Escolar.

O mesmo mércores, o ministro José Ignacio Wert comparecerá no Congreso para explicar o anteproxecto de lei e responder as preguntas dos diferentes grupos parlamentarios.