Sae á rúa un dicionario de fonética co fin de fixar unha pronuncia estándar do galego

Programa: 
Músicas e Letras

Partindo das formas contidas no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG), o volume fornece transcricións fonéticas para 47.000 palabras cunha proposta de pronuncia modelo que ten en conta toda a información fonética coñecida do idioma. A proposta de pronuncia modelo fíxose seguindo os mesmos criterios que orientaron a elaboración do estándar escrito, nomeadamente a fidelidade á lingua falada, o carácter supradialectal e a harmonía coa lingua portuguesa.

Este dicionario pretende converterse nunha ferramenta relevante para a normalización do galego, xa que o seu obxectivo é establecer un modelo de pronuncia estándar utilizable na aprendizaxe, nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión da lingua. Diríxese, polo tanto, a aprendices tanto galegos coma foráneos, a todos os profesionais que necesiten facer uso dunha pronuncia estándar - xornalistas, dobradores e actores- así como a todos os usuarios dos recursos lexicográficos do galego.

O dicionario, editado conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega da USC e pola Real Academia Galega, conta coa axuda financeira da Secretaría Xeral de Política Lingüística.